Sunday 05 de May de 2024

O Cocello de Ordes e a USC asinan o convenio para a posta en marcha do Centro Tecnolóxico e de Emprendedores


O documento especifica a realización do estudo de viabilidade, da normativa técnica de funcionamento e a ordenanza fiscal polo seu uso

O Concello de Ordes e a Universidade de Santiago de Compostela oficializaron formalmente mediante a sinatura de convenio a súa colaboración na implantación do Centro Tecnolóxico e de Emprendemento. Este situarase nas instalacións do antigo centro comarcal no núcleo urbano e comezará a súa actividade ao longo das vindeiras semanas. Os encargados de plasmar sobre o papel a relación laboral establecida foron o alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o profesor da Economía Aplicada da USC Francisco Ferreiro Seoane. Este último en representación do Sr. D. Juan Viaño Rey, Reitor Magnífico da USC.
Entre as principais funcións que se acordan entre ambas partes está a realización por parte da USC do estudo de viabilidades do proxecto. Nel figurará un plan de empresa no que se especificarán os custes da xestión de persoal, así como as fontes de financiación e os ingresos necesario para a posta en marcha do viveiro.
Tamén se especifica a elaboración da normativa técnica de funcionamento do centro e a ordenanza fiscal polo seu uso. Apartado este último onde se recolle todo o regulamento interno, o que atende aos beneficiarios; procedementos de admisións e convocatorias; solicitudes, presentacións, avaliacións e valoracións e resolución dos proxectos; listas de espera; formalizacións das autorizacións, condicións de convivencia e uso das instalación e servizos do centro, réxime sancionador, disposicións xerais, infraccións e sancións; réximen económico.
En total habilitaranse 7 espazos de traballo co seu equipamento, que se ofrecerán aos futuros empresarios. Ademais, a todo iso hai que engadir tamén unha sala de informática e outra de xuntas. “Temos gañas, compromiso e un espazo adecuado. Ofrecemos todo o noso impulso, experiencia, apoio e asesoramento por parte da USC para facer deste municipio o mellor lugar para acadar un futuro próspero a aqueles que queiran vir traballar en base a un bo proxecto empresarial ou de investigación”, asegura o alcalde de Ordes.
Francisco Ferreiro Seoane, profesor da Economía Aplicada da USC e experto en emprendemento empresarial, ademais de profesor da Escola de Relacións Laborais da Coruña, asegura que a idea ten todos os componentes para “converterse nun referente a nivel galego”. Un argumento baseado tanto nas características do inmoble como na decisión de recibir asesoramento por parte dun ente independente como é a Universidade de Santiago. Así o asegura o que hoxe en día é unha das voces máis competentes de toda Galicia en materia de viveiros de empresas e proxectos de emprendemento. Ferreiro asegura tamén que “tendo en conta factores como a localización de Ordes, as características da edificación e a formulación do equipo local de goberno podemos falar de arredor dunha ducia de postos de traballo.